O BNG solicita no Parlamento galego a denegación da autorización aos parques eólicos de Porto Vidros e Campo das Rosas 

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

O BNG vén de presentar unha serie de iniciativas parlamentares para que a Xunta de Galiza denegue a autorización dos parques eólicos Campo das Rosas e Porto Vidros, situados nos concellos de Cerdedo Cotobade, A Estrada e Campo Lameiro, por tratarse dunha fragmentación irregular dun único parque e polo impacto crítico que terían no medio natural, no patrimonio cultural, na paisaxe, nos recursos hídricos, nos usos residenciais e nas actividades económicas propias do territorio. 

O pasado domingo, día 27, o deputado nacionalista, Luís Bará participou en Pedre (Cerdedo- Cotobade) xunto co portavoz municipal, Ernesto Filgueira, e veciños e veciñas afectados nunha andaina reivindicativa ara coñecer coñecer de primeira man o grande impacto que van ter dous parques eólicos promovidos por Naturgy: Porto Vidros e Campo das Rosas. Un impacto que non se reduce só aos parques en si senón ás infraestruturas necesarias (liñas de evacuación, liñas de alta tensión e sub-estación transformadora). 

Neste caso, por de relevo Luís Bará, existen alegacións formuladas tanto polo Concello da Estrada como polo Concello de Cerdedo-Cotobade que “son demoledoras”, falan dunha fragmentación ilegal dun único parque en dous, xa que comparten infraestruturas, así como doutras afectacións críticas ao patrimonio natural, ao patrimonio cultural, á paisaxe, aos recursos hídricos e ás actividades tradicionais da zona. 

Ademais da Proposición Non de Lei que solicita a denegación da autorización, formulouse unha batería de preguntas para que a Xunta teña que dar información sobre se vai autorizar un parque con esta fragmentación irregular e para que dea conta dos distintos impactos e dos informes que teñan que facer distintos departamentos da Xunta. Ademais do cumprimento obrigatorio do prazo legal dun mes de información pública que establece a lexislación ambiental, e que non foi cumprido neste caso, polo que tería que someterse de novo a exposición pública. Neste sentido Bará lembrou que “hai unha sentenza do TSXG que anula un parque precisamente por esta razón”.