O BNG expresa o seu rexeitamento aos parques eólicos de Porto Vidros e Campo das Rosas 

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

O BNG vén de manter un encontro coa veciñanza afectada polo proxecto de construción dos parques eólicos do Campo das Rosas e Porto Vidros para trasladarlles o seu apoio nas accións reivindicativas en contra destas instalacións. A mellor opción para que non se leven a cabo é unha resposta cidadá contundente. 

No seu momento o BNG xa presentou unha serie de iniciativas parlamentares para que a Xunta de Galiza denegue a autorización dos parques eólicos Campo das Rosas e Porto Vidros, situados nos concellos de Cerdedo Cotobade, A Estrada e Campo Lameiro, por tratarse dunha fragmentación irregular dun único parque e polo impacto crítico que terían no medio natural, no patrimonio cultural, na paisaxe, nos recursos hídricos, nos usos residenciais e nas actividades económicas propias do territorio. 

Luís Bará lembrou que existen alegacións formuladas tanto polo Concello da Estrada como polo Concello de Cerdedo-Cotobade que “son demoledoras”, falan dunha fragmentación ilegal dun único parque en dous, xa que comparten infraestruturas, así como doutras afectacións críticas ao patrimonio natural, ao patrimonio cultural, á paisaxe, aos recursos hídricos e ás actividades tradicionais da zona. 

“Levamos máis dun ano de loita contra o Plan eólico da Xunta de Galiza, por atentar contra o modelo de vida no rural” afirmou o portavoz municipal Ernesto Filgueira, ao mesmo tempo que se comprometía a seguir traballando ata conseguir a paralización destes parques eólicos.