Moción referida ao “COBERTURA XURÍDICA DO CONCELLO FRONTE AO PROXECTO DO P. E. DOS COTOS”

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

Sr Alcalde:

O abaixo firmante, Ernesto Filgueira Touriño, portavoz do BNG no Concello de Cerdedo-Cotobade presenta a seguinte moción referida ao “COBERTURA XURÍDICA DO CONCELLO FRONTE AO PROXECTO DO P. E. DOS COTOS”.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

É público o número excesivo de proxectos eólicos que planean sobre os montes de Cerdedo-Cotobade así como a intención de pasar liñas de evacuación, construír subestacións e outras infraestructuras necesarias que acabarían por converter ao concello e á bisbarra nun mega-parque empresarial eólico. Algúns destes proxectos están a ser tramitados polo Goberno Español e outros moitos pola Xunta de Galiza, mesmo, recorrendo á fragmentación dos mesmos o que supón unha fraude de lei. Entre eles, cabe destacar o P. E. dos Cotos. Un proxecto que conta cunha fonda oposición veciñal tal e como fica demostrado nas dúas concorridas concentracións sociais do 9 e 29 de xaneiro, en Carballedo e Pontevedra respectivamente, a pesares de que nesta última non se contou co apoio do Alcalde. Tamén son públicas as alarmantes intencións da Xunta a respeito deste proxecto, pois, a pesares de telo declarado de Interés Autonómico polo Consello da Xunta dende o 21 de outubro de 2021; a Xunta decide sacalo a exposición pública o 23 de decembro, en pleno nadal, cun prazo de 15 para poder presentar alegacións en contra do mesmo. Nada sabe o BNG se o Alcalde tivo ou non información neste intervalo de tempo por parte da Xunta máis do que sí tivo pronta información foi das “irregularidades” detectadas durante o período de exposición, tal e como o anunciou nas súas redes sociais, o que conlevou un segundo prazo de 15 días de exposición pública.

Tamén é público que en torno á empresa responsable do proxecto dos Cotos, Tiraventos mercada por ECOENER, está rodeada de sospeitas e favorecida por concesións na época de Fraga, investigada no seu día pola fiscalía, e acusada de graves delitos en Latinoamérica. E por se non fose abondo, recentemente fichou para o consello de administración dous exministros do PP, Eduardo Serra e Ana Palacio; nun claro caso de portas xiratorias.

O que sí fica claro, tanto para o BNG como para o conxunto da veciñanza e das entidades sociais especialmente para as parroquias máis afectadas, e que o P. E. dos Cotos é aberrante polas dimensións (cunha potencia total de 30 MW, con 6 aeroxeradores de 5 MW, unha altura total duns 200 m preto de vivendas, a construción dunha subestación, unha liñas de tensión, grandes explanacións do terreo), pola tramitación de costas á veciñanza afectada, polos graves perxuicios no territorio e nos recursos naturais (na paisaxe, nos usos tradicionais do medio, nos recursos hídricos e mananciais de abastecemento de auga, no valor do chan incluido na poligonal, nas espectativas como zona residencial ou turística, e na calidade de vida da veciñanza, que se verá afectada polo ruído, a intrusión visual, a contaminación lumínica ou o efecto sombra)…

En definitiva, para o BNG o P. E. dos Cotos atenta contra a calidade e vida da veciñanza ao responder a un modelo agresivo e depredador que, a todas luces, favorece os intereses lucrativos das empresas promotoras o que vai esixir unha resposta contundente por parte da administración local de Cerdedo-Cotobade.

Por todo o exposto, o Pleno do Concello de Cerdedo-Cotobade acorda aprobar a seguinte Moción:

  1. O Concello dará a batalla xurídica que sexa necesaria para evitar a construción do P.E. dos Cotos.
  2. O Concello acorda prestar apoio xurídico ás plataformas, entidades sociais e comunidades de montes na súa loita contra a instalación do P.E dos Cotos.