Moción referida ao "PLAN DE MELLORA INEGRAL DA PRAIA FLUVIAL O CANAL E DA SÚA ÁREA DE RECREO E REVISIÓN DA PONTE COLGANTE DE CALVELO”

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

O BNG en Cerdedo-Cotobade, ven de reunirse coa veciñanza do lugar de Calvelo, parroquia de Tenorio, para recoller as súas preocupacións e demandas en torno á lamentábel situación na que se atopa a frecuentada Praia Fluvial do Canal e da súa área de recreo localizada ás beiras do río Lérez e moi próxima á ponte colgante de Calvelo. Na visita ao espazo natural comprobouse que a praia está completamente desaparecida, e no seu lugar o que hai é un burato de varios metros tanto de longo coma de profundo que resulta moi perigoso para os visitantes e usuari@s, especialmente, para os mozos e as mozas que se achegan ata alí frecuentemente.

Ademáis, o espazo de recreo que envolve a praia do Canal debe contar cun plan de melloras que permitan, de xeito coidado e respectuoso, pór en valor a contorna natural e retirar os restos vexetais e os troncos das árbores caídas, humanizar e repoñer o mobiliario público e os paneis informativos, hoxe inexistentes, acotar os espazos de estacionamento para os vehículos e sobretodo apostar pola introdución de elementos que fagan da Praia Fluvial do Canal de Calvelo un entorno seguro e accesíbel para as persoas con diversidade funcional. Ademáis, o BNG entende que se deben recuperar os pasos que comunicaban as beiras do Lérez entre o Canal e Xeve.

Noutro apartado de reclamacións, a veciñanza trasladoulle ao BNG a necesidade de abrir unha senda que una a Praia Fluvial O Canal coa Ponte Colgante de Calvelo para incrementar o valor natural do espazo e o impacto nos moitos visitantes que cada ano se achegan a Calvelo.

O BNG comprobou en in situ o desgaste e o movemento dalgúns pasos de madeira da Ponte Colgante de Calvelo polo que é urxente revisar o seu estado para garantir a seguridade das viaxeiras e viaxeiros.

Urxe desenvolver un plan de melloras que restableza a praia fluvial do Canal, adecentar e humanizar a súa área de recreo, crear unha senda que comunique o Canal coa Ponte Colgante e dotar a toda a contorna dunha sinalización turística digna e acorde aos recursos existentes.

Por todo o exposto, o Pleno do Concello de Cerdedo-Cotobade acorda aprobar a seguinte Moción:

  1. Instar ao goberno local a revisar e repor os pasos de madeira que sexan precisos na Ponte Colgante de Calvelo para garantir a seguridade d@s usuari@s.
  2. Instar ao goberno local a aprobar un Plan Integral de Melloras na Praia Fluvial O Canal e da súa Área de Recreo prestando especial atención á accesibilidade para persoas con diversidade funcional.
  3. Intar ao goberno local a crear unha senda que una o entorno da Praia Fluvial coa Ponte Colgante 
  4. Instar ao goberno local a xestionar coa administración competente a recuperación dos antigos pasos que unían o Canal coa outra beira do Lérez, con Xeve.
  5. Instar ao goberno local a dotar de sinalización turística acorde aos recursos existentes tanto no espazo natural da Praia Fluvial O Canal coma na Ponte Colgante de Calvelo.