Ernesto Filgueira demanda, con carácter urxente, a mellora integral da Praia Fluvial de Calvelo e da súa contorna 

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

Ernesto Filgueira, portavoz municipal do BNG en Cerdedo-Cotobade, ven de reunirse coa veciñanza do lugar de Calvelo, parroquia de Tenorio, para recoller as súas preocupacións e demandas en torno á lamentábel situación na que se atopa a frecuentada Praia Fluvial do Canal e da súa área de recreo localizada ás beiras do río Lérez e moi próxima á ponte colgante de Calvelo. Na visita ao espazo natural comprobouse que a praia está completamente desaparecida, e no seu lugar o que hai “é un burato de varios metros tanto de longo coma de profundidade que resulta moi perigoso, especialmente, para os mozos e as mozas que se achegan ata alí frecuentemente”, manifestou Ernesto Filgueira.

Ademáis, o espazo de recreo que envolve a praia do Canal debe contar cun plan de melloras que permitan, de xeito coidado e respectuoso, pór en valor a contorna natural e retirar os restos vexetais e os troncos das árbores caídas, repoñer o mobiliario público e os paneis informativos, hoxe inexistentes, acotar os espazos de estacionamento para os vehículos e sobretodo apostar pola introdución de elementos que fagan da Praia Fluvial do Canal de Calvelo un entorno seguro e accesíbel para as persoas con diversidade funcional.

Noutro apartado de reclamacións, a veciñanza trasladoulle ao BNG a necesidade de abrir unha senda que una a Praia Fluvial O Canal coa Ponte Colgante de Calvelo para incrementar o valor natural do espazo e o impacto nos moitos visitantes que cada ano se achegan a Calvelo. Segundo defendeu o cabeza de lista, Ernesto Filgueira: “Este plan de mellora integral contempla tamén a reposición dalgúns dos pasos de madeira da Ponte Colgante, un plan de sinalización turística acorde á importancia natural e etnográfica do lugar e a recuperación dos pasos do Lérez cara Xeve”.

“O Alcalde ten esta e outras áreas fluviais totalmente abandonadas, leva anos obviando as reclamacións da veciñanza do lugar e está a provocar un dano importante á imaxe turística da contorna da Ponte Colgante de Calvelo que é un dos máis importantes reclamos do Concello de Cerdedo-Cotobade. Agardo o voto favorable por parte do Alcalde e de todo o PP á moción do BNG e que non se escude en falsas promesas que logo nunca se materializan”, afirmou Ernesto Filgueira.

MOCIÓN REXISTRADA POLO BNG PARA SER DEBATIDA E, NO SEU CASO, APROBADA POLO GOBERNO LOCAL NO PLENO DE MARZO: