Moción referida ao “PLAN DE MELLORAS URXENTES EN VILANOVA, TENORIO”. 

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

Nos pasado días, o grupo local do BNG participou nun encontro en Vilanova de Tenorio a petición de vari@s veciñ@s do lugar. O obxectivo do mesmo foi denunciar a situación de abandono na que se atopa Vilanova e da falla de servizos que segue a padecer a veciñanza.

Na visita do BNG a Vilanova foron recollidas importantes deficiencias, por exemplo, a falla de limpeza das canalizacións das augas pluviais, o solagamento da contorna da marquesiña escolar en días de choivas, a fallla de saneamento en diversas zonas do lugar, a ausencia de fibra no conxunto de Vilanova, así como outras accións en termos de limpeza e acondicionamento dos colectores do lixo e áreas de recreo públicas localizadas en diversos puntos do lugar.

Por todo o exposto, o Pleno do Concello de Cerdedo-Cotobade acorda aprobar a seguinte

Moción:

  1. Instar ao goberno local a crear un núcleo de centralidade na contorna da Casa do Pobo de Vilanova baseado na construción dunha praza empedrada e humanizada con medidas de ordeación e calmado do tráfico a fin de que Vilanova conte con espazos con identidade propia que afonde no desenvolvemento da vida social, cultural e de esparcemento.
  2. Instar ao goberno local a empedrar e humanizar as vías de acceso ao núcleo de centralidade coas respectivas melloras do saneamento, das pluviais, da iluminación led, do mobiliario e doutros servizos precisos.
  3. Instar ao goberno local a activar un zafarrancho de limpeza de cunetas e canalizacións das augas pluviais, dos camiños públicos e adecentamento da contorna da marquesiña escolar.
  4. Instar ao goberno local á xestionar, dunha vea por todas, a chegada da fibra óptica a todas as zonas do lugar de Vilanova.
  5. Instar ao goberno local á substitución total das actuais luminarias por luces leds, máis eficientes e de menor consumo.
  6. Instar ao goberno local a completar a rede de saneamento e renovar a existente onde fora necesario.
  7. Instar ao goberno local á mellora da recollida selectiva dos residuos, a creación de illas para os colectores do lixo e distribución de composteiros individuais entre a veciñanza.