O BNG demanda un plan de melloras urxentes no Lugar de Vilanova, Tenorio

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

O BNG foi convidado a participar nun encontro con veciños e veciñas do lugar de Vilanova, na parroquia de Tenorio, que denunciaban o “abandono” do lugar e da falta de servizos que tiñan.Efectivamente, “constatamos múltiples e importantes deficiencias: falta de limpeza nas canalizacións de pluviais, solagamento da marquesiña escolar en días de chuvia, falta de saneamento en múltiples zonas, ausencia total de fibra óptica, entre outras”, afirmou o portavoz nacionalista, Ernesto Filgueira.

Está claro que Vilanova, en palabras de Filgueira, “precisa unha actuación integral, moito máis alá de dar solucións aos problemas citados, por iso instamos ao goberno municipal a crear un nucleo de centralidade na contorna da Casa do Pobo, coa creación dunha praza empedrada, ordeada e co tráfico calmado, para que a veciñanza conte cun espazo de identidade propia que permita desenvolver a vida social, cultural e de lecer”.

Alén da creación deste espazo de centralidade, o portavoz nacionalista incide na importancia de mellorar as vías de acceso ao propio nucleo, mellorando ademais o saneamento, a iluminación e a rede de pluviais.

Por último o portavoz do BNG insta ao goberno municipal a realizar as xestións precisas para que a fibra óptica chegue a toda Vilanova, e a traballar na política de residuos, mellorando a recollida selectiva, creando illas para os colectores, e distribuindo composteiros individuais ás vivendas do lugar.

Todas estas demandas, en forma de moción, van ser debatidas no pleno do venres 5 de abril en Cerdedo Cotobade.