Moción referida ao "REXEITAMENTO AO PARQUE EÓLICO DE BORREIRO"

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

O BNG leva ano e medio denunciando as ameazas que axexan sobre o monte comunal tanto en forma de invasión eólica coma a causa das modificacións lexislativas que está a desenvolver o PP no Parlamento Galego. Máis, o noso concello segue a ser vítima das pretensións das grandes enerxéticas que, en clara conivencia co PP, queren facer da nosa bisbarra un mega-polígono eólico que atenta contra a vida da veciñanza que vive no rural. O BNG leva esixindo que se faga unha planificación seria e rigorosa dos parques eólicos, analizando o impacto na súa globalidade e con criterios de transparencia, participación, sustentabilidade, e con repercusión económica na zona. 

O BNG non comparte que se sature o noso territorio de muíños de vento, coas súas correspondentes infraestruturas, sen un estudo serio e completo das súas afectacións, que son moitas, dende o discorrer das augas, a destrución do medio natural, o impacto visual e sonoro, os graves prexuízos para a diversidade animal e vexetal, o paso de liñas de alta tensión polo noso territorio, muiños moi preto das vivendas, o efecto de depreciación das propiedades como consecuencia das poligonais,… demasiados impactos para o nulo beneficio que pretenden deixar na nosa comunidade. 

O BNG leva tempo promovendo actos informativos fronte á opacidade do concello e a Xunta, andainas reivindicativas nas parroquias afectadas, participación nas manifestacións convocadas pola veciñanza (mesmo algunha con faltas notábeis do alcalde), iniciativas debatidas no Parlamento Galego. Ademáis, das alegacións presentadas a todos os parques eólicos que afectan a Cerdedo-Cotobade: Os Cotos, Campo das Rosas, Porto Vidros, Siroco, Tramontana, Pedra Longa e Rula,  Cabenelas e Pedra Longa e agora o proxecto eólico de Borreiro. Un proxecto de Naturgy de 20MW onde prevé a instalación de 5 aeroxeradores de 6MW, 200m de altura e unha liña eléctrica de 8 kms con conexión  a subestación de Campo das Rosas, en Quireza. A poligonal do P. E. de Borreiro ten unha superficia de 1.052,75 hectáreas.

O BNG aposta por unha enerxía limpa, xusta, galega e sustentábel co medio e o territorio. Un modelo contrario ao que está a promover o gran capital, cóvado a cóvado co PP,  facilitando a depredación, o oscurantismo e as portas xiratorias.

Por todo o exposto, o Pleno do Concello de Cerdedo-Cotobade acorda aprobar a seguinte Moción:

  1. Rexeitamento ao parque eólico Borreiro.
  2. Presentación de alegacións da corporación municipal ao P.E de Borreiro.
  3. Instar ao goberno municipal a apresentar informes técnicos sobre as afeccións do P.E de Borreiro.