O BNG alega contra o parque eólico de Pedra Longa 

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

Cerdedo-Cotobade, 16 de agosto de 2022. O BNG vén de presentar alegacións ao proxecto de Parque eólico de Pedra Longa, que afecta aos concellos de A Estrada, Forcarei, e á nosa parroquia de Tomonde. Un proxecto que comparte liñas de evacuación co das Penizas, e que se suma aos outros parques en tramitación que afectan ao noso concello (Campo das Rosas, Porto Vidros, As Penizas, Siroco, Tramontana, Rula e Os Cotos). 

En palabras de Ernesto Filgueira, o BNG fai súas as alegacións promovidas pola asociación Petón do Lobo, “un estudo amplo, serio e rigoroso que detalla afectacións a recursos hídricos, á paisaxe, á avifauna, ademais de afectar a espazos da Rede Nautura, como a serra do Cando e a serra do Candán”. 

Desde o BNG esiximos que se faga unha planificación seria e rigorosa dos parques eólicos, analizándo o impacto na súa globalidade, e con criterios de transparencia, participación, sustentabilidade, e con repercusión económica na zona. “Non é de recibo que saturen o noso territorio de muíños de vento, coas súas correspondentes infraestruturas, sen un estudo serio e completo das súas afectacións. 

“Basta xa de traballar para favorecer o negocio das eléctricas. Precisamos unha enerxía, limpa, xusta, que deixe beneficios nas comunidades nas que se instalan e que coiden e protexan o noso medio natural, social e cultural. Todo o contrario do modelo depredador e escurantista que promove o PP”, dixo Filgueira, que concluíu afirmando que “os veciños e veciñas saben que nos terán sempre ao seu lado, na defensa dun rural vivo e dinámico contra o espolio e depredación que pretender acometer grandes compañías eléctricas, co apoio entusiasta da Xunta”.