O BNG de Cerdedo-Cotobade pide unha mellora integral do saneamento municipal ante o seu “estado lamentábel e de máxima gravidade”

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

O BNG de Cerdedo Cotobade vén de esixir ao goberno local que aprobe neste 2026 un plan de investimentos para realizar unha mellora integral da rede de saneamento municipal. A intención do grupo municipal nacionalista é reverter o abandono da actual rede, que está, a xuízo das nacionalistas, nun estado lamentábel e de máxima gravidade, con serios problemas nas tubaxes e decantadoras. Segundo denuncia o voceiro municipal Ernesto Filgueira, hai continuas verteduras de augas de chuvia mesturadas con fecais en camiños e contornas naturais (fincas, ríos e regatos), que crean un grave problema de salubridade.

O portavoz do Bloque destaca a súa máxima preocupación polo “desleixo reiterado” do goberno do PP, de quen denuncia, non amosa preocupación nin polo mantemento da rede nin por revisar o funcionamento das decantadoras das parroquias. Segundo advirte o nacionalista, o Concello está a incumprir de maneira sistemática o acordo plenario aprobado a raíz da moción presentada polo BNG en 2020 para realizar melloras e reiterada no 2023. Esa situación de “apatía”, subliña o nacionalista, é o que leva ao Bloque a denunciar o incumprimento e presentar e defender, novamente, no vindeiro Pleno unha nova moción esixindo que se tomen medidas urxentes e se executen os acordos aprobados con anterioridade.

Filgueira explica que o BNG vén de realizar unha ruta polas parroquias para estudar a situación do saneamento ante as denuncias veciñais tras as chuvias do pasado mes de decembro e deste mes de xaneiro. O grupo nacionalista puido comprobar que a rede sofre puntos con roturas parciais e totais das tubaxes, e que as decantadoras -que deben concluír o proceso de depuración de augas residuais- presentan notables deficiencias que provocan situacións de verteduras aos camiños públicos e á contorna natural con augas de chuvia e fecais mesturadas. “Este é un problema ao que se lle debe prestar máxima atención e pronta solución”, advirte o portavoz, quen sinala que non hai ningún tipo de movemento por parte do alcalde Cubela para corrixir as deficiencias e que estas se agravan co paso do tempo.

A máis, o portavoz do Bloque en Cerdedo Cotobade destaca que existe unha grande desigualdade entre a veciñanza con respecto ao servizo de saneamento, xa que hai moitas vivendas que nin sequera teñen a rede instalada e polo tanto, carecen de posibilidade de enganche. A pesares disto, denuncia Filgueira, os recibos de cobro da nova taxa de saneamento (que pasou de cero a 60 euros en novembro de 2024) está a chegar a esas casas que carecen de posibilidade de enganche, o que “reflexa un síntoma máis da mala xestión e escasa preocupación por parte do goberno local do PP a prol do servizo de saneamento nas parroquias do Concello”.

O BNG defende a necesidade de desenvolver un proxecto integral urxente, avalado por un plan de investimentos neste 2026, no que se audite o estado actual da rede e se priorice a reposición das tubaxes e arquetas deterioradas, a separación de augas fecais das pluviais, e a substitución das precarias decantadoras actuais, ademais de estender o saneamento aos barrios e lugares que carecen del.