O BNG presenta alegacións contra o megaproxecto eólico Greco, cun impacto extremo no territorio 

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

O BNG de Cerdedo-Cotobade vén de rexistrar alegacións ao megaproxecto eólico Greco, de 109,2 MW, e a súa infraestrutura de evacuación, instando ao Goberno emitir unha Declaración de Impacto Ambiental desfavorábel e rexeitar o proxecto na súa totalidade, así como poñer fin a un modelo de explotación desproporcionada dos recursos naturais da Galiza e impulse unha planificación racional coordinada coa Xunta de Galiza.

Compre lembrar que o macroproxecto eólico Greco, de 109,2MW, está a ser promovido por MOWE ENERGÍA (Grupo Villar Mir) e supón a instalación de 21 aeroxeradores de 177 metros de altura e unha extensa rede de liñas de alta tensión, subestacións e pistas asociadas, divididas en dous subparques (Greco Norte e Greco Centro). A súa execución afectaría ademais de ao noso concello, aos concellos da Lama, Fornelos de Montes, Covelo, Avión e Beariz, así como á contorna da Serra do Suído e Serra do Cando.

Para Ernesto Filgueira trátase dun “megaproxecto industrial depredador que se suma a unha morea doutros parques en tramitación” na mesma área e que se localiza nun territorio xa saturado, onde existen 17 parques eólicos en funcionamento nun radio de 25 km con 421 aeroxeradores”.

Nas alegacións formuladas, o BNG esixe ao Ministerio para a Transición Ecolóxica que emita unha Declaración de Impacto Ambiental (DIA) desfavorábel e denegue a Autorización Administrativa previa ao proxecto e á súa infraestrutura de evacuación polo seu impacto extremo no territorio.

“Debe rexeitar o proxecto na súa totalidade, polo seu carácter innecesario, altamente destrutivo e polo grave prexuízo socioeconómico que suporía para a poboación afectada” indica o portavoz nacionalista, engadindo a necesidade de que se recoñeza e avalíe o efecto acumulativo e sinérxico coa presenza doutros 17 parques eólicos na contorna, que xa superan a capacidade de acollida do territorio.

Para o BNG, tanto o Goberno do Estado como a Xunta de Galiza “deben abandonar o modelo depredador e impulsar unha planificación racional e coordinada que poña orde no caos actual e deixe de responder unicamente aos intereses das empresas promotoras”.

Filgueira alédase, ademais, que “este megaproxecto conte co rexeitamento da corporación municipal, ao aprobarse de forma unánime a moción presentada polo BNG”, mais “boto en falta unha actitude máis proactiva do noso alcalde, pois, aínda que se mostrou contrario a este atentado contra o noso territorio, non puxo o modelo de alegacións a disposición dos veciños e veciñas até poucos días antes de que remate o prazo legal para alegar”.