O BNG recollerá sinaturas nos 3 centros de saúde de Cerdedo-Cotobade en apoio da sanidade pública

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

O BNG de Cerdedo-Cotobade recollerá sinaturas nos centros de saúde de Tenorio, Cerdedo e Carballedo debido ao continuo proceso de deterioro, degradación e precarización da sanidade pública no concello, maltratada durante anos polo Partido Popular. Esta recollida forma parte da campaña lanzada polo BNG para levar ao Parlamento Galego unha Iniciativa Lexislativa Popular impulsada por SOS Sanidade Pública, na que se integra o BNG. 

O BNG de Cerdedo-Cotobade instalará mesas de recollida de sinaturas a partir das 10h o luns 5 de setembro diante do Centro de Saúde de Tenorio, o martes 6 no centro de Saúde de Carballedo e o mércores 7 no Centro de Saúde Cerdedo. 

Así pois, o BNG de Cerdedo-Cotobade desenvolve esta nova acción no marco das reiteradas denuncias que leva feito públicas nos útlimos tempos con motivo do constante deterioro sufrido na atención primaria nos centros de saúde locais, agrabados ao longo do verán ao non cubrirse as ausencias dos médicos dos centros de saúde, chegando mesmo a estar abertos sen persoal facultativo, sobrecargando, ademáis, os servizos de enfermeiría e administración. 

Ernesto Filgueira: “Denunciamos o abandono sanitario que o PP practica, de xeito recurrente, coa veciñanza de Cerdedo-Cotobade desprovista de toda atención tanto por parte do Sergas como dende a Alcaldía do concello”. 

Esta ILP pon no foco a situación de precariedade absoluta na que se atopa o Servizo Galego de Saúde, e sinala o seu único e directo responsábel: o PP, que leva 13 anos aplicando políticas de recorte e austeridade, tanto para os profesionais sanitarios como para os pacientes, as verdadeiras vítimas dun sistema sanitario público que cada vez mostra máis carencias, en beneficio dunha sanidade privada que a Xunta defende por enriba da poboación galega. 

Para darlle a volta a esta situación, o BNG defende aumentar o orzamento destinado á Atención Primaria até chegar á media estatal; incrementar a estabilidade dos cadros de persoal do Sergas; poñer en marcha un Plan de retorno, captación e fidelización de profesionais sanitarios na Galiza; e a incorporación de categorías novas ao sistema sanitario público galego.