O BNG solicita a creación de aparcamentos para autocaravanas e furgonetas Camper en Cerdedo e Carballedo 

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

Ernesto Filgueira: “Instamos ao alcalde a recoller esta proposta e levala a realidade canto antes para consolidar a Cerdedo-Cotobade como destino verde e sustentábel de referencia no País”. 

Cerdedo-Cotobade, 16 de febreiro de 2022. O BNG vén de presentar unha moción para que Concello habilite dúas areas para autocaravanas, unha en Cerdedo e outra en Carballedo, ao considerar o portavoz nacionalista, Ernesto Filgueira, que a ausencia deste tipo de areas no noso termo municipal fai que “esteamos a perder unha grande oportunidade para atraer turismo de calidade”. 

Filgueira fixo súas as recentes palabras do Presidente da Asociación Galega de Autocaravanas nos medios de comunicación: “Galiza é un paraíso para este ámbito tan especializado ao ofrecer un turismo tranquilo, non masificado, en espazos abertos, en pleno contacto coa natureza e ubícanse próximos a núcleos onde poidan repor servizos e bens de consumo”. Ademáis, cabe salientar que as reservas de viaxeiros internacionais e principalmente estatais que se moveron o pasado verán en autocaravana e furgonetas cámper medraron na Galiza un 200%. 

O BNG salienta que Cerdedo-Cotobade conta cos atractivos patrimoniais, naturais, paisaxísticos, arqueolóxicos, rutas para o sendeirismo, BTT, espazos de recreo fluvial,... e o máis importante, o concello conta con núcleos onde os caravanistas poden mercar para autoabastecerse polo que sería unha oportunidade de crecemento económico para a veciñanza e para colocar ao concello no eido do turismo verde de calidade. 

No País hai como unhas 128 áreas habilitadas e están a ser escasas dado o crecente aumento do seu uso. Cerdedo-Cotobade non pode quedarse atrás do que é xa unha corrente turística consolidada e en auxe. Tanto os factores locais como a perfecta ubicación do concello á entrada das Rías Baixas (a carón de Pontevedra e nexo entre as Terras de Montes e o Deza) así como os datos tan relevantes do crecemento exponencial deste tipo de turismo de calidade nos últimos tempos xa subliñados; xustifica a proposta do BNG para a construción de dúas áreas de autocaravas localizadas en Cerdedo e en Carballedo dotadas con todos os servizos precisos 

prestando especial atención ao recomendado pola Asociación Galega de Autocaravanas de Galiza.