O BNG votará contra os orzamentos de Cerdedo-Cotobade por ineficaces, ficticios e faltos de compromiso social e ambiental

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

Acompañado polo economista e membro do consello local do BNG, Joám Romero, Ernesto Filgueira anunciou o voto negativo do BNG ao Proxecto de Orzamentos para o presente exercicio 2023 que será debatido no pleno do próximo xoves día 26.

Filgueira lamenta “a falta dun proxecto de desenvolvemento económico e social global para Cerdedo-Cotobade”, que ven perdendo poboación desde 2017 con 374 habitantes menos, cun saldo vexetativo negativo, con case 300 persoas paradas cuxa maioría son mulleres, cun PIB per capita un 37% inferior á media da comarca de Pontevedra e unha renda disponíbel bruta por habitante un 30% tamén por debaixo da media comarcal segundo datos do IGE. Un concello que cunha superficie de case 215 Km2, 21 parroquias e unha poboación moi dispersa, presenta moitas carencias en infraestruturas e servizos básicos.

O portavoz nacionalista xulga estes novos orzamentos como “outra oportunidade perdida” para atallar esta situación. A muller, a mocidade e infraestruturas básicas como o saneamento de pluviais e fecais, a mellora e apertura de novos viais, o calmado de tráfico ou as humanizacións na maior parte das parroquias fican fóra das preocupacións do goberno do Sr. Cubela e o PP.

Na análise concreta dos orzamentos no capítulo de ingresos, Joám Romero, fai fincapé en que os propios informes de intervención, ou os de Fiscalización da Conta Xeral das Entidades Locais do Consello de Contas, alertan sobre a dependencia excesiva de ingresos procedentes doutras administracións. En especial do Fondo Adicional de Fusións da Xunta que supón o 17% do total dos ingresos dos orzamentos 2023. Ante esta situación, denuncia a falta dun plan alternativo para cando estes 750.000 € se deixen de recibir, o que “pode comprometer seriamente a solvencia das contas deste Concello e a súa capacidade para soportar as necesidades futuras de gasto corrente en bens, servizos e investimento”.

De todos os xeitos “non deixa de ser significativo que non se inclúan neste apartado os ingresos que se recibe da Deputación polo Plan Concellos e demais plans en marcha, e que son os que en todos estes anos permitiron facer as actuacións de maior calado no noso concello”, afirmou o economista.

Pola banda do gasto, Romero cualifica estes novos orzamentos como “ficticios”, porque o baixo nivel de execución de gasto e transferencias correntes de orzamentos de exercicios anteriores como os de 2021, en areas como Servizos Públicos Básicos, Actuacións de Protección e Promoción Social ou Produción de Bens Públicos de Carácter Preferente, en que se deixaron de executar nada máis e nada menos que 1.933.340,14 € dos créditos definitivos, segundo “os datos do Tribunal de Contas do Estado, pon en cuestión a credibilidade das previsións de gasto contidas no proxecto de orzamentos xerais para 2023”.

O portavoz do BNG, Ernesto Filgueira, defende que é necesario un cambio de rumbo na política municipal. “É necesario e urxente a elaboración dun plano de desenvolvemento global para Cerdedo-Cotobade que consiga fixar poboación, facilitando as condicións necesarias para poder residir neste concello e facelo nunhas condicións dignas, garantindo uns servizos públicos básicos de calidade, uns transportes e comunicacións que fagan máis doada a vida no rural e o impulso de novas iniciativas empresariais e produtivas, evitando a ameaza da invasión eólica, e abordando a crise social, ambiental e a falta de infraestruturas”.

“Estou convencido de que outro Cerdedo-Cotobade é posíbel, e máis necesario que nunca. Estes orzamentos retratan un concello sen norte, e iso non é o que precisan os nosos veciños e veciñas”, concluíu Filgueira, que reiterou o voto en contra do BNG ao proxecto de orzamentos municipais.