O BNG leva ao Pleno de Cerdedo-Cotobade unha moción para instar á Xunta a garantir a calidade asistencial no concello e na area sanitaria 

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

Esixir ao goberno galego a adopción con urxencia de todas as medidas necesarias para garantir a cobertura das prazas vacantes e prestar unha atención sanitaria pública digna no concello de Cerdedo-Cotobade e en toda a área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, e esixir a resolución urxente da situación das urxencias hospitalarias e pediátricas na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, son os dous puntos da moción presentada polo BNG para o vindeiro pleno municipal.

“Resulta moi preocupante a situación na que se atopa a nosa área sanitaria, onde ningún centro de saúde ou PAC funciona con normalidade, cos cadros de persoal que lles corresponden”, afirmou Ernesto Filgueira. Centos de persoas non poden pedir cita médica, e miles non teñen persoal médico asignado, e teñen que ser atendidas cada vez por unha profesional diferente.

Nos nove PACs da área, un día si e outro tamén, están sen profesionais, con quendas enteiras sen un só médico, o que obriga ás persoas doentes a ir peregrinando dun PAC a outro para poder ser atendidas.

A realidade dos centros de saúde e dos PACs dista moito da imaxe idílica que propaga a Xunta e o PP. As listas de agarda, a falta de persoal médico, a sobrecarga do persoal sanitario, o retraso de semanas para conseguir cita médica poñen de manifesto a realidade dun sistema sanitario público sumido nunha grave crise pola falta de planificación, de previsión e de medios que é responsabilidade da Xunta do PP. Unha situación que está producindo unha forte presión nas urxencias hospitalarias, formándose longas colas en urxencias pediátricas e colapsando as urxencias do hospital Montecelo, onde se producen traslados de pacientes das urxencias para o hospital do Salnés e para o QuirónSalud de forma reiterada.

“Ademais de producir un forte malestar nas persoas que acuden aos centros de saúde e ás urxencias hospitalarias, deixa ás claras que nos concellos da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés non está garantida a atención sanitaria pública á poboación,, un feito de extrema gravidade que precisa dunha actuación contundente e urxente por parte da Xunta de Galiza para garantizar o dereito á saúde dos nosos veciños e veciñas no sistema público”, afirmou o portavoz do BNG.

“O pasado mércores, día 18, reunímonos en Pontevedra representantes municipais dos distintos concellos da área sanitaria -coa clamorosa ausencia dos representantes do PP, incluído o noso alcalde, que preferiron baixar a cabeza diante do seu partido, en vez de defender os dereitos dos veciños e veciñas-. Nesta reunión acordamos por unanimidade esixirlle á Xunta:

  • a)  que garanta o dereito á saúde de toda a poboación, o cal pasa pola mellora das condicións laborais do persoal sanitario e a mellora da rede de centros sanitarios da nosa área;
  • b)  que adopte de inmediato todas as medidas para cubrir as prazas vacantes, incluíndo as prazas MIR, e garantir unha atención sanitaria pública digna en todo o distrito de Pontevedra, en toda a área sanitaria de Pontevedra-O Salnés e en todo o país, e
  • c)  que resolva xa a situación das urxencias hospitalarias, especialmente das pediátricas.

“Instamos a Cubela a que, por unha vez, deixe de ser tan submiso co seu partido, e apoie o dereito dos nosos veciños e veciñas a unha atención sanitaria digna. Instámolo tamén a que apoie institucionalmente a manifestación convocada por SOS Sanidade Pública en Compostela”