O BNG solicita unha Auditoría sobre a seguranza viaria na rede de estradas que atravesa Cerdedo- Cotobade

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

O BNG leva ao vindeiro pleno do concello de Cerdedo- Cotobade unha moción na que se solicita unha auditoría de todos os viais que atravesan o concello.

“Levamos tres anos e medio trasladando ao pleno municipal iniciativas para mellorar a seguranza, tanto nos tránsitos circulatorios coma nos peonís, na rede viaria que atravesa o noso concello” afirmou Ernesto Filgueira.

Ademais das respectivas mocións locais, en todo este tempo non faltaron emendas do BNG aos orzamentos tanto da Xunta como do goberno do Estado, incidindo neste mesmo aspecto.

Así pois o BNG, consciente da realidade innegábel do tamaño do concello -froito dunha fusión unilateral de despacho polo PP- e do enorme tamaño da rede viaria existente en Cerdedo- Cotobade, entende que é preciso levar a cabo unha valoración técnica da situación actual dos viais que existen no noso territorio, onde os sinistros ocorren con demasiada frecuencia. “Pensamos que o tráxico balance de vítimas mortais que tivo lugar desde pasado ano, obríganos a todas as administracións implicadas a actuar para mellorar a seguranza na nosa rede viaria”, afirmou o portavoz nacionalista.

Estas circunstancias, nada menores, fai que sexa preciso un estudo polo miúdo da situación na que se atopan as estradas que atravesan o concello, para que teñamos unha diagnose precisa da situación, detectar as eivas e plantexar as solucións máis acaídas para garantir a seguridade na circulaciópn e nos tránsitos peonís.

“A moción que presentamos ten dous puntos moi claros: instar ao goberno local a levar cabo unha auditoría sobre a seguranza viaria nas estradas de titularidade municipal e .que o goberno local se dirixa ás distintas administracións con competencias na nosa rede viaria -provincial, galega e estatal- a facer o propio nos viais da súa competencia ao seu paso por Cerdedo- Cotobade”, resumíu Ernesto Filgueira.