O PP condea a Cerdedo-Cotobade coa aprobación ”in extremis” de 6 parques eólicos que ameazan ao concello

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

O portavoz municipal e candidato do BNG de Cerdedo Cotobade, Ernesto Filgueira, fixo público o seu “monumental cabreo”, un cabreo que comparte boa parte da veciñanza de Cerdedo-Cotobade, após a autorización “ás carreiras” de 75 parques, 6 deles no territorio de Cerdedo-Cotobade, por parte do goberno da Xunta dirixida polo PP.

“É un ataque directo ao dereito das veciñas e dos veciños, que por activa e por pasiva mostraron claramente o rexeitamento a un boom eólico depredador, un ataque que dá unha estocada a agrogandeiría, condena a contorna natural que rodea as nosas parroquias e supón unha desfeita á rede de mananciais que abastece aos nosos fogares”, afirma o candidato á alcaldía, Ernesto Filgueira, que non dubida en manifestar, con vehemencia, que “o PP é o único responsábel de programar interesadamente a morte do noso rural para favorecer ás grandes enerxéticas amigas.

En palabras de Ernesto Filgueira: “A Xunta ven de aprobar a construción dos parques eólicos Os Cotos, Porto Vidros, Campo das Rosas, As Penizas e Touriñán III-2 sen importarlle o máis mínimo as serias consecuencias para a nosa veciñanza e para a vida das nosas parroquias logo de seren instalados muiños de 200m preto das vivendas, dos impactos ambientais ao ter que abrir enormes viais nos montes, da perda do patrimonio arqueolóxico, do destrozo dos mananciais e da alteración das capas freáticas, dos molestos ruidos, do efecto sombra persistente, da perda de valor das propiedades, da alteración da biodiversidade animal, ... e un longo etcétera que van condenar as posibilidades de desenvolvemento económico do concello e a roubarnos o dereito que temos, como veciñas e veciños, a vivir no noso rural e do noso rural”.

Filgueira insta a Cubela a non esconderse e dar a cara. “O seu partido, o partido polo que se vai presentar de novo ás eleccións municipais, ven de acometer un atentado sen precedendes ao noso concello e ao seu futuro. Que vai facer vostede agora? Axeonllarse? ficar calado e submiso? ou rebelarse, denunciar a actitud do PP e actuar para facer cumprir os acordos plenarios contrarios a estes parques, utilizando para iso todos os medios ao seu alcance, incluíndo os xudiciais, para paralizar o atentado que a Xunta pretende facer no noso concello?”.

O BNG anima á veciñanza a seguir loitando por un rural vivo e con futuro, anuncia mobilizacións sociais nas parroquias afectadas e fai un chamamento ás entidades sociais a que leven tamén aos tribunais os proxectos aprobados o mércores 26 de abril pola Xunta.