Moción referida á "REACTIVACIÓN DA ASISTENCIA SANITARIA" 

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

O abaixo firmante, Ernesto Filgueira Touriño, portavoz do BNG no Concello de
Cerdedo-Cotobade presenta a seguinte moción referida:“REACTIVACIÓN DA
ASISTENCIA SANITARIA”.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
Esta pandemia ocasionada polo COVID-19 puxo ao límite o noso sistema sanitario.
Puxo en evidencia o preciso que é investir en saúde e as repercusións dos 11 anos de
recortes aos que someteu o PP ao sistema sanitario.

A COVID 19, puxo de relevo que precisamos un sistema sanitario público forte, cunha
Atención Primaria reforzada como porta de entrada, sen recortes, que permita
responder ás necesidades de saúde da poboación e na que o persoal sanitario conte
con recursos para que as persoas doentes poidan recibir a atención que precisan en
cada momento e estar ben dimensionado para abordar as emerxencias sanitarias
cando xurdan.

Diante da pandemia a Xunta tomou a decisión de reducir drasticamente a asistencia
presencial, o peche de consultorios, algúns centros de saúde e PACs, restrinxir
consultas, probas diagnósticas e intervencións cirúrxicas nos hospitais.

A decisión que tomou o Sergas foi que a atención se centraran preferentemente na
consulta telefónica, isto está ocasionando moitas dificultadas tanto xs profesionais
para poder prestar a asistencia sanitaria como no acceso da poboación á mesma.
Á situación de sobrecarga de traballo que padecían xs profesionais da Atención
Primaria previa ao coronavirus fóronlle engadindo tarefas de diagnóstico,
seguimento, illamento, identificación por coronavirus e funcións de rastrexo.

Unha sobrecarga da atención telefónica e da carga burocrática: teléfonos
colapsados, o persoal administrativo, xs celadorxs ao límite, soportando unha presión
tremenda, é imposíbel xestionar tanta chamada como a que se produce.

As consecuencias son desastrosas, escasísimos profesionais, que están ao límite, cun
esgotamento físico e mental insoportábel, listas de espera de semanas, incluso para
unha consulta telefónica, doentes crónicos descompensados (persoas hipertensas,
diabéticas, con cardiopatías, problemas renais, controis de saúde de pediatría con
moitas demoras) persoas facendo cola á intemperie para acceder aos centros.

As demoras para acceder ás prestacións hospitalarias (consultas, probas diagnósticas,
intervencións cirúrxicas) que xa eran tremendamente altas, non fan máis que
aumentar; seguen sen publicarse as listas de espera que tiñan que terse feito
públicas no mes de xullo.

Esta situación está xerando que cada vez máis persoas estean acudindo á sanidade
privada, diante da falta de resposta na sanidade pública, e desprotección da
poboación con menos recursos.

A resposta á situación de pandemia non pode estar baseada en incrementar as
restricións de acceso á asistencia ao sistema público, porque supón un claro risco
para a saúde da poboación. Esta situación pode levarnos a un problema de saúde
colectiva, de cronificación de patoloxías, de atención tardía...

É preciso desconfinar a sanidade pública e reactivar a atención presencial con máis
persoal, máis información e máis accesibilidade.

É preciso dar resposta ás demandas de atención pola COVID 19, mais tamén ao resto
das patoloxías

Por todo o exposto, o Pleno do Concello de Cerdedo-Cotobade acorda aprobar a seguinte Moción:

Instar á Xunta de Galiza a:

  1. Realizar de inmediato todas as accións precisas para activar a atención presencial
    en Atención Primaria para dar resposta ás demandas de atención pola COVID 19,
    máis tamén ao resto das patoloxías e rematar coas listas de espera neste nivel
    asistencial, co persoal e as medidas de prevención de contaxios precisos, para
    garantir unha atención sanitaria digna á poboación. Establecer protocolos claros e
    unificados para a atención presencial de doentes para toda a Atención Primaria.
  2. Aumentar nos centros de saúde co número de profesionais que sexa preciso para
    permitir aumentar o tempo e a calidade da atención asistencial así como incorporar as
    categorías profesionais imprescindíbeis para formar equipos multidisciplinares e
    prestar unha atención integral: psicólogxs clínicxs, terapeutas ocupacionais,
    logopedas, podólogos...
  3. Aumentar os orzamentos destinados a Atención Primaria até chegar ao 25%, no
    inmediato 200 millóns de euros.
  4. Modificar o Decreto que regula as Areas e os Distritos Sanitarios para crear unha
    estrutura de xestión da Atención Primaria con capacidade de decisión, orzamentaria e
    de recursos humanos.
  5. Publicar de inmediato a situación das listas de espera hospitalarias e poñer en
    marcha un plan de choque para reducilas.