A petición de Cerdedo pola Sanidade Pública, o BNG reúnese coa plataforma e comprométese coas súas reivindicacións en defensa da Atención Primaria

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

Ernesto Filgueira, portavoz dos nacionalistas de Cerdedo-Cotobade, ven de valorar o encontro mantido coa Plataforma Cerdedo pola Sanidade Pública celebrado na pasada noite como “unha oportunidade de facer unha entente común contra o despropósito da Xunta de querer esmagar o dereito da veciñanza a contaren cunha atención primaria de calidade, universal e digna”.

A reunión, celebrada nun ambiente distendido, tiña como principal obxectivo recoller todas as demandas da plataforma entre as que destacan a necesidade de recuperar a atención presencial,  contar con atención médica todos os días, volver a ter atención de matrona e servizos de pediatría no Centro de Saúde de Cerdedo, dotar ao PAC de ambulancia con soporte vital avanzado e garantir que a resposta das urxencias sexa dentro duns tempos óptimos.

Ernesto Filgueira non só se compremeteu con cada unha das reivindicacións expostas polos membros da plataforma senón que, ademáis, deu conta de todo o traballo que levou a cabo o BNG ao longo de todo o mandato en favor dos deteriorados servizos sanitarios que se prestan nos tres centros de saúde do concello, e apuntou: “Recollemos centos de sinaturas en apoio á ILP en defensa da atención primaria, participamos en mobilizacións xunto coa veciñanza, presentamos unha batería de mocións en diversos plenos municipais, levamos iniciativas ao Parlamento de Galiza, e xa está ben. Non pedimos máis que o que nos corresponde e ao que temos dereito: unha atención sanitaria en condicións”.

O portavoz municipal do BNG, Ernesto Filgueira, ofreceu un autobús gratuito á plataforma e a toda a veciñanza de Cerdedo-Cotobade para asistir á manifestación do 12 de febreiro en Compostela convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública, e pechou o encontro “agradecendo aos membros de Cerdedo pola Sanidade Pública o seu compromiso en favor da Atención Primaria e por facer desta loita unha causa común en defensa da sanidade pública”.