Bará e Filgueira e membros do BNG de Cerdedo-Cotobade presentan as emendas aos orzamentos 2023 da Xunta

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

O portavoz municipal Ernesto Filgueira, acompañado polo deputado Luís Bará e membros da Asemblea Local do BNG de Cerdedo-Cotobade, presentaron as emendas que a formación nacionalista presentou aos orzamentos da Xunta de Galiza para 2021 e que fan referencia a problemas e demandas da veciñanza do municipio.

En primeiro lugar, o BNG contempla unha partida de 750.000 euros para un novo
centro de saúde en Carballedo que conte con espazo, material e persoal suficiente
para dar resposta á atención sanitaria que precisa o concello nun contexto de
pandemia como o actual.

Cerdedo-Cotobade é un municipio cunha poboación moi avellentada, polo que se
fai moi necesaria a construción en Carballedo dunha residencia pública para
persoas maiores. O BNG contempla 250.000 euros para o proxecto deste centro
tan necesario.

Outro dos grandes eixos das emendas do BNG aos orzamentos da Xunta é a
mellora da seguridade viaria na PO-233 (Carballedo-Augasantas) e na PO-234
(Bora-A Lama) que permita solventar a perigosidade dalgúns treitos da PO-233 ao
seu paso polos lugares de Vilanova, A Xesteira e As Lagoas, mediante a adopción
de medidas de calmado de tráfico, construción de beirarrúas e pasos de peóns regulados por semáforos intelixentes, e a construción dun carril bici desde a
rotonda de Ponte Bora até o concello de A Lama, que abrangue as estradas PO-233
e PO-234.

Un terceiro grande eixo é o da posta en valor do rico património histórico do noso
concello. Cerdedo-Cotobade conta cunha grande riqueza en gravados rupestres
que deben ser coidados e valorizados (estación de Outeiro Lombo da Costa,
estación dos Fentáns, estación de Viascón, estación da Porteliña da Corte e
estación de Pedre). Neste sentido o BNG demanda a roza perimetral, a
recuperación e posta en valor das laxes, a creación de estacións petróglifas con
perímetros delimitados e paneis informativos e a posta en marcha dun plan de
promoción coa marca “Petróglifos de Cerdedo-Cotobade”, por un importe de
150.000 euros.

Unha última partida proposta polo BNG de 200.000€ é para a creación dunha lonxa
forestal que abarque os concellos de Forcarei, Beariz e Cerdedo-Cotobade.