Ernesto Filgueira: “Comprometémonos a mellorar a rede actual de saneamento e levalo a todos os lugares do Concello”

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

Na súa presentación pública como candidato do BNG á alcaldía de Cerdedo-Cotobade, Ernesto Filgueira fixo fincapé en que é necesario abrir un tempo novo en Cerdedo-Cotobade, un tempo no que “a prioridade debe ser a atención ás necesidades dos nosos veciños e veciñas”, para o que é imprescindíbel desenvolver un “proxecto integral que transforme o concello e poña en valor os nosos recursos”. 

Un proxecto -o que representa o BNG- que mude a deslabazada política actual por unha actuación global e planificada, un proxecto que enfronte con decisión os graves problemas que temos como sociedade: o desmantelamento da sanidade pública, a perda de servizos bancarios, o espolio eólico dos nosos montes, o ineficaz mapa de emerxencias no noso concello, a perda constante de poboación, etc, etc. 

“Estou convencido de que outro Cerdedo-Cotobade é posíbel, e que co voso apoio, podemos logralo. Queremos unha política máis integradora, que vertebre todo o territorio e que aproveite as nosas grandes potencialidades. Queremos un plan turístico que nos coloque no mapa, un modelo enerxético máis ecolóxico, unha programación cultural estábel, a recuperación da nosa memoria histórica e do noso patrimonio. Queremos un Concello no que todas e todos poidamos vivir e convivir en igualdade, sen importarnos o xénero, a orientación social ou as creencias relixiosas ou políticas de cada quen”. 

“Podo presumir -afirmou Filgueira- de contar cunha equipa de homes e mulleres comprometidos coa veciñanza, cunha envexábel capacidade de traballo, e con toda a ilusión do mundo para facer un concello mellor. Por eles, por vós, eu comprométome a dar todo de min para conseguilo. Porque Cerdedo-Cotobade merece máis, moito máis, e, se xuntamos a nosa forza, estamos en disposición de conseguilo”. 

Pola súa banda, o deputado nacionalista Luís Bara afirmou que “o BNG encara estas eleccións con ilusión e optimismo, por varias razóns: En primeiro lugar polo gran momento no que estamos a nivel galego, como segunda forza política e alternativa real ao PP. Un BNG que medra, que vai a máis, que aglutina cada vez maís sectores e persoas e que quere ser maioritario. UN BNG, liderado por Ana Pontón, que está en condicións de disputarlle a hexemonía a un PP que está en declive, en retroceso. 

En segundo termo, pola experiencia e o traballo realizado en xeral nos concellos, tanto no goberno como na oposición. No caso de Cerdedo-Cotobade, a experiencia destes 3 anos, cun labor incansábel de Ernesto Filgueira, convertiu ao BNG na verdadeira oposición ao PP e nunha alternativa seria e solvente para gobernar o concello. 

O BNG de Cerdedo Cotobade ten os tres elementos clave para encarar a campaña das eleccións municipais: un proxecto claro de futuro, resultado do coñecemento do concello e do diálogo coa veciñanza; un equipo de persoas experimentadas e ilusionadas; unha persoa como Ernesto Filgueira con liderado, con enerxía e con ideas claras para impulsar o cambio que precisa Cerdedo Cotobade. 

“Co acto de hoxe, o BNG inicia con forza e con confianza o camiño para conseguir o vindeiro 20 de maio o mellor resultado da súa história. Saimos a gañar, a liderar o futuro de Cerdedo Cotobade!”, afirmou o deputado nacionalista, Luís Bará. 

Previamente, interviron Rocío Graña, traballadora da sanidade e membro do Consello Local do BNG, que explicou a grave problemática dos centros de saúde do Concello, froito da política de desmantelamento da sanidade pública que está a levar a cabo o PP.

E Lucía Aguete, de Galiza Nova, que afirmou que os concellos rurais “teñen recursos e potencialidades para impulsar o desenvolvemento económico, só fai falla vontade política para facelo, e o BNG a ten”.