O BNG acusa a Cubela de incumprir o seu compromiso de levar a fibra óptica a todo o Concello

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

O BNG volveu insistir no pleno da pasada semana na necesidade imperiosa de que a fibra óptica chegue a todos os currunchos de Cerdedo-Cotobade, xa que é “un servizo fundamental para o desenvolvemento económico e social do noso concello”, en palabras do portavoz municipal do BNG, Ernesto Filgueira.

Filgueira lembraralle ao alcalde que xa estamos a finais de 2024, e que do seu compromiso de cubrir o 100% do territorio con fibra óptica en 2023, “nada de nada”. “Non é que só que falten lugares sen cobertura, senón que son constantes a caídas do servizo de internet e teléfono”.

“O servizo dista moito de ser aceptábel. Esta mesma mañán as parroquias de Borela e Almofrei están sen servizo de internet, e as caídas noutras parroquias son frecuentes”, afirmou o portavoz nacionalista, que denuncia a falta de mantemento do tendido, con postes caídos, postes partidos sen repoñer, tendidos polo chan, etc….”

Ernesto Filgueira denuncia as deficiencias do servizo e volveu levar ao Pleno municipal a demanda de fibra para todo o concello que dea resposta as necesidades sociais no século XXI.

“Queremos que o alcalde se poña a traballar en serio e busque solucións a unha situación que se cronifica, e que crea multitude de problemas, especialmente ás e os estudantes, pequenas empresas e traballadoras e traballadores autónomos”, concluíu Ernesto Filgueira