O BNG propónlle a Cubela negociar os orzamentos municipais e chegar a un "pacto polo benestar da veciñanza"

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

O BNG PROPÓNLLE A CUBELA NEGOCIAR OS ORZAMENTOS MUNICIPAIS E CHEGAR A UN “PACTO POLO BENESTAR DA VECIÑANZA”

Ernesto Filgueira: “Dende o BNG emprazamos ao Alcalde a se abrir a negociar os Orzamentos Municipais nun encontro o antes posíbel para abordar aquelas medidas e propostas que consideramos estratéxicas e acordar un Pacto polo Benestar da veciñanza de Cerdedo-Cotobade”.

O BNG de Cerdedo Cotobade acordou na súa primeira asemblea do ano manter unha reunión entre o Alcalde e o portavoz municipal dos nacionalistas, Ernesto Filgueira, para saber o estado no que se atopa o proxecto de Orzamentos 2021, cando vai ser levado a Pleno e as propostas de gasto por parte do goberno do PP. 

Así pois, O BNG ao igual que para as contas do 2020 quere ser parte activa presentándolle unha batería de medidas económicas, sociais e culturais a fin de acadar o compromiso da Alcaldía de que van ser reflexadas nos Orzamentos 2021 antepoñendo, máis unha vez, a capacidade de diálogo entre forzas políticas de cor distinta e o compromiso do benestar da veciñanza por riba de intereses partidistas, máxime cando as duras circunstancias actuais como consecuencia da pandemia apremian e obrigan. 

Ernesto Filgueira salientou a súa “preocupación e inquezanda diante das consecuencias económicas que están a lastrar o benestar de moitas familias, da brecha dixital na que se atopan algunhas crianzas, da falta de traballo para os autónomos, os pequenos comerciantes e produtores de Cerdedo e Cotobade ou da necesidade de maior cobertura dende os servizos sociais para protexer aos nosos maiores ou ás persoas máis vulnerables; polo que o obxectivo das contas públicas deste ano pasa por centrarse na dinamización comercial local, no benestar das persoas, no despegue da cultura e a loita polos servizos públicos. Esa é a liña na que se moven as propostas do BNG”.

O BNG lamenta que o PP non esté a axilizar a aprobación dos novos Orzamentos tendo en conta que son unha ferramenta necesaria coa que facer fronte as consecuencias económicas e sociais da COVID. Esta lentitude contrasta coa aprobación en decembro de 2019 Orzamento en vigor. O BNG fai un chamamento ao Alcalde para que acepte unha reunión urxente con Ernesto Filgueira, recolla as súas propostas e cheguen a un Pacto polo Benestar da veciñanza de Cerdedo-Cotobade.