O BNG insta a Cubela a que poña a disposición da Deputación os terreos necesarios para a reforma integral da estrada de Almofrei 

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

O Portavoz municipal do BNG, Ernesto Filgueira, instou ao alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela a que poña a disposición da Deputación os terreos necesarios para a reforma integral da estrada EP-0405 en Almofrei. 

O Portavoz nacionalista lembrou que “en novembro de 2019” o Pleno do Concello de Cerdedo- Cotobade aprobou -coa abstención do PP- unha moción do BNG na que se instaba á Deputación de Pontevedra a acometer unha reforma integral da estrada dende o inicio, á altura da PO-233 até o seu final na igrexa parroquial, seguindo os criterios de mobilidade e seguranza viaria recollidos no Plan de Mobilidade Provincial, prestando especial atención á redución de curva, calmado de tráfico e seguranza viaria para peóns e ciclistas”. 

En xuño de 2021, a Deputación redacta un proxecto de perto dun millón de euros que daría solución aos problemas existentes nesa estrada, tal e como recoñeceu o propio alcalde, e para o que era necesario que o Concello puxese á disposición os terreos necesarios para executar a obra. 

“A marzo de 2022, os terreos aínda non foron postos a disposición, polo que urximos ao alcalde a que os poña no menor prazo de tempo posíbel, porque cando máis se tarde máis se dilatará a reforma desta estrada, unha demanda histórica da veciñanza, absolutamente vital para a mellora da seguridade vial, para a vertebración do territorio e para a posta en valor das pozas do río Almofrei, un espazo de grande valor histórico e natural”, afirmou Filgueira