O BNG leva ao próximo pleno unha condea expresa da corporación municipal ao SERGAS pola súa nefasta xestión da atención primaria no municipio

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

“Mellor non enfermar no verán.... ese parece ser a mensaxe do SERGAS aos nosos veciños e veciñas. A Xunta do PP leva trece anos recortando en materia sanitaria, e iso se nota cada vez máis. Este verán colmouse o vaso da paciencia dos nosos veciños e veciñas ante o deterioro notorio do servizo sanitario en todos os centros de saúde do noso concello”, afirmou o portavoz nacionalista, Ernesto Filgueira. 

Filgueira apelou a que indignación que vivimos todos e todas estes meses se transforme nunha chamada de atención aos (ir)responsabeis da consellaría de Sanidade. “E a corporación municipal non pode vivir á marxe e facer como si nada pasase. Temos a obriga de defender aos nosos veciños e veciñas e, aínda que non teñamos competencias en sanidade, si temos a obriga moral de defendelos diante dunha agresión sen precedentes ao sistema público de saúde”, polo que apelou a un acordo unánime de todos os grupos, “que é o que espera de nós a veciñanza de Cerdedo-Cotobade”, afirmou. 

O BNG aposta por un rural vivo, cheo de oportunidades, pero non será posíbel se continúan as esmagadoras políticas do PP de recortes nos servizos públicos. “O que precisamos son máis e mellores servizos, non que nos desmantelen os poucos que temos, pois ao único que conduce é a un maior abandono das areas rurais. Sen oportunidades e sen servizos, non hai futuro”, afirmou o edil nacionalista. 

Filgueira quixo poñer en valor a reacción social: “a veciñanza non quedou parada e organizou actos de protesta en febreiro e en xullo, e desde o BNG estivemos promovendo con éxito a recollida de sinaturas da ILP en defensa da sanidade pública que promove a plataforma SOS Sanidade Pública”. “E que fixo o goberno municipal en todo este tempo? Nada, nada de nada, como si os problemas cos que nos atopabamos os veciños e veciñas non foran con el”, aseverou Filgueira. 

O BNG presentou unha moción para que o Concello de Cerdedo-Cotobade inste á Xunta a que incremente o orzamento sanitario, para que o SERGAS cubra as baixas e vacacións do persoal médico e de enfermería, resolva as deficiencias en enfermería do centro de saúde de Carballedo e dote de servizo de pediatría nos centros de saúde de Tenorio, Carballedo e Cerdedo.