Ernesto Filgueira insta a PP e PSOE a rexeitar os parques eólicos de Pedra Longa e Cabanelas 

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

Ernesto Filgueira, portavoz dos nacionalistas de Cerdedo-Cotobade, ven de rexistrar unha moción a fin de acadar o apoio da corporación municipal contra os parques eólicos de Pedra Longa e Cabanelas. Ámbolos dous proxectos afectan especialmente ás parroquias de Tomonde e Quireza debido, entre outras afectacións, á proximidade dos muiños aos núcleos de poboación. Segundo anuncia Filgueira, “Cerdedo-Cotobade segue a ser, unha vez máis, vítima das pretensións das grandes enerxéticas que, en clara conivencia co PP e a Xunta, queren facer da nosa bisbarra un mega-polígono eólico que atenta contra a vida da veciñanza que vive no rural”. 

O BNG de Cerdedo-Cotobade leva máis de ano e medio esixindo que se faga unha planificación seria e rigorosa dos parques eólicos, analizando o impacto na súa globalidade e con criterios de transparencia, participación, sustentabilidade e con repercusión económica na zona. Sen embargo, o que se está a atopar a veciñanza afectada é “o silencio cómplice do Alcalde e do seu grupo de goberno diante destas dúas novas ameazas” tal e como apunta Ernesto Figueira “así lle-lo están a facer saber veciños e veciñas dos lugares afectados moi preocupados polas afectacións e prexuizos sobrevidos como a alteración nas captacións de augas, a destrución do medio natural, o impacto visual e sonoro, a perda da diversidade animal e vexetal, o paso de liñas de alta tensión ou a depreciación das propiedades como consecuencia das poligonais, e outras moitas”. 

O BNG solicita na moción o rexeitamento expreso do conxunto da corporación contra os parques eólicos Pedra Longa e Cabanelas. Ademáis instan ao goberno local a presentar alegacións negociadas co BNG tal e como se fixo cos parques eólicos dos Cotos, Campo das Rosas, Porto Vidros, Siroco, Tramontana e Rula. Di Ernesto Filgueria “que non entende por qué o Alcalde se posiciona contra uns proxectos e deixa tirada á veciñanza noutros como por exemplo agora, cos proxectos eólicos de Pedra Longa e Cabalenas”. Por último, o BNG recolle na moción a necesidade de apresentar informes técnicos sobre as afeccións destos proxectos eólicos.