O BNG presenta alegacións contra o parque eólico dos Cotos 

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

13 de xaneiro de 2022. O BNG ven de presentar no rexistro do Concello medio cento de alegacións ao parque eólico dos Cotos, que afecta gravemente ao noso termo municipal. 

Nas alegacións, os nacionalistas fan fincapé na vulneración de numerosas normativas como a directiva europea relativa á conservación de hábitats naturais e da faura e flora silvestres, a directiva europea relativa ao acceso público á información ambiental e o Convenio de Aarhus sobre o acceso á información e á participación pública, o decreto 127/2008 1ue desenvolver o réxime xurídico dos humedais protexidos, ou a Lei de Montes de Galiza. 

O portavoz nacionalista, Ernesto Filgueira, argumenta, a maiores, os impactos ambientais severos deste parque sobre o territorio, a fraude de Lei que supón a fragmentación artificiosa dun proxecto industrial eólico en varios proxectos independentes para esquivar a avaliación ambiental, a afectación sobre os recursos hídricos,a necesidade de recalificar urbanisticamente o solo, reducindo a súa protección ambiental, ou a deopreciación do valor das propiedades. 

O parque eólico dos Cotos constitúe, na práctica, un proxecto de industrialización do monte, que responde a un modelo agresivo, depredador dos recursos naturais, que favorece os intereses lucrativos das empresas promotoras e que vai causar graves perxuicios no territorio: na paisaxe, nos usos tradicionais do medio, nos recursos hídricos e mananciais de abastecemento de auga, no valor do chan incluido na poligonal, nas espectativas como zona residencial ou turística, e na calidade de vida da veciñanza, que se verá afectada polo ruído, a intrusión visual, a contaminación lumínica ou o efecto sombra. 

Ernesto Filgueira confia en que a unanimidade política e social existente contra o Parque Eólico dos Cotos leve á Xunta de Galiza a paralizar o proxecto, rectificando a súa decisión de declarar o proxecto “iniciativa empresarial prioritaria” e aprobar a tramitación de urxencia dos procedementos administrativos. 

Filgueira lembrou que o parque dos Cotos ten unha poligonal de centos de hectáreas nas parroquias de Viascón, Carballedo, Rebordelo, Loureiro, Borela e Augasantas e inclúe a construción dunha subestación, unha liña de media tensión, e grandes explanacións do terreo para o acceso e construción do parque, ademais da construción dunha liña de alta tensión através dos concellos de Ponte Caldelas e Pontevedra até a subestación eléctrica de Ponte Sampaio.