O deputado Luís Bará leva ao Parlamento os problemas de inseguridade e sinistralidade na N-541 polo transporte de aeroxeradores

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

O pasado martes 25 de marzo de 2023 produciuse un novo accidente de tráfico na estrada N-541á altura do núcleo urbano de Cerdedo. Un vehículo de transporte especial de compoñentes de aeroxeradores desenvolveu de xeito incorrecto a manobra de xiro na rúa Ourense e impactou en varios coches estacionados no lado esquerdo da vía, en sentido Pontevedra. Por outra parte, o transporte especial tamén invadiu a beirarrúa e golpeou varios colectores de recollida de residuos. Afortunadamente, non se produciron vítimas como consecuencia do accidente mais podería terse producido unha desgraza se nese momento houbese persoas no interior dos coches ou transitando polas beirarrúas.

Este tipo de accidentes provocados por vehículos de transporte de aeroxeradores son frecuentes na estrada N-541, por ser este o vial utilizado para trasladar os compoñentes (fustes de cada vez maior tamaño) desde a factoría do Carballiño até o Porto de Marín. Estes feitos agravan a situación de mal estado e inseguridade desta estrada de competencia estatal, que comunica as comarcas de Ourense, O Carballiño, Terra de Montes e Pontevedra.

Para resolver estes problemas cómpre unha actuación integral de mellora da seguridade da estrada, tal como se vén reclamando desde os concellos e por parte da veciñanza. Neste sentido, o BNG presentou reiteradamente iniciativas nos plenos dos concellos, no Parlamento galego e no Congreso.

En relación co transporte de aeroxeradores, é necesario tomar medidas preventivas ou alternativas en materia de seguridade viaria e prevención de accidentes. Entre as actuacións que se poden adoptar habería que estudar o establecemento de horarios fixos de transporte, preferentemente nocturno, así como o uso de estradas e instalación portuarias alternativas.

INICIATIVAS REXISTRADAS NO PARLAMENTO DE GALIZA