Cerdedo-Cotobade acolle o sábado 10 unha xornada informativa sobre o espolio eólico na Galiza

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

Participarán 8 das máis activas plataformas do país

Cerdedo-Cotobade convertirase este sábado, día 10 de xullo, no epicentro da loita contra o espolio eólico coa celebración dunha xornada in-formativa organizada por Acción Social e Cultural CERCO que co título “Poñéndolle cerco ao espolio eólico na Galiza: experiencias de loita” na que participarán algunhas plataformas das máis activas do país.

O Presidente de Cerco, o ilustrador Victor Rivas, presentou o programa da xornada, acompañado polo Vice-Presidente de CERCO, Antón Mouriz, o portavoz municipal do BNG en Cerdedo-Cotobade, Ernesto Filgueira, e o responsábel local, Anxo Santomé.

A xornada -aberta á toda veciñanza, comunidades de montes, colectivos ecoloxistas e veciñais, até completar o aforo permitido- comezará ás dez da mañá cunha mesa redonda e de debate no Auditorio do Centro Cultural de Cerdedo, coa participación dos seguintes colectivos:

  • ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza)
  • OPOSICIÓN AO PROXECTO EÓLICO DO MONTE DA NEVE (Celanova)
  • AA.VV. O OUTEIRO DE SAN MAMEDE DE MONTE (A Baña)
  • SALVEMOS O TÁMEGA (Monterrei, Vilar de Barrio e Laza)
  • COMUNIDADE DE MONTES DE VINCIOS (Gondomar)
  • ADECOM (Asociación de defensa da Costa da Morte)
  • OPOSICIÓN AO PROXECTO EÓLICO DE OS COTOS (Cerdedo-Cotobade)
  • ASEMBLEA DE SUÍDO (Covelo)

A xornada continuará no patio do colexio San Xoán Bautista de Cerdedo, cun xantar picnic, previsto para ás 14.30 h. ao que todo o mundo se pode sumar co seu propio xantar, con actividades lúdicas vencelladas ao ecoloxismo e ao coidado do medio rural para a rapazada así como conversas e intercambio de experiencias na loita contra o espolio eólico, a partir das 17 h.. A xornada rematará ás 19 h. cun concerto a cargo da “Banda de Aló”, un grupo participado por músicos de Cerdedo-Cotobade, que fan música do país.