O BNG solicita que o concello de Cerdedo-Cotobade emprenda accións xudiciais precisas para paralizar a tramitación dos parques eólicos que afectan ao noso concello

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

O Portavoz municipal do BNG, Ernesto Filgueira, ven de presentar un escrito no concello para que o goberno municipal, ante a proximidade da finalización dos prazos para recurrir, emprenda as accións legais precisas para lograr a paralización da tramitación dos parque eólicos que afectan a Cerdedo-Cotobade. Filgueira lembra que “a instalación de parques eólicos no noso concello supón unha ameaza directa desde o ponto de vista ambiental, patrimonial, social, económico, de posibilidades para o futuro da vida no noso rural, de depreciación das propiedades, de risco para os recursos hídricos, etc. e compromete de forma directa o futuro económico de numerosas parroquias de todo o territorio municipal e das zonas limítrofes, habida conta da proximidade dos aeroxeradores, áreas poligonais e de liñas de alta tensión”. O portavoz nacionalista lembra a grande resposta social contra estes parques eólicos, incluíndo “masivas manifestacións e a presentacion de centos de alegacións, entre elas a do propio concello”. “O BNG defende as enerxías renovábeis, máis oponse á especulación e ao espolio de recursos naturais en beneficio de intereses privados, que hipoteca gravemente o futuro das nosas parroquias e da súas xentes. Por iso apostamos por unha enerxía xusta, sustentábel desde o punto de vista ambiental e en clave galega que deixe beneficios no territorio”, expuso Filgueira.