O PP e Jorge Cubela votan en contra da proposta de Filgueira na que se instaba a retirar a simboloxía franquista do concello

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

No mediodía de hoxe ven de celebrarse o primeiro Pleno municipal do ano onde, unha vez máis, Ernesto Filgueira foi quen de liderar a iniciativa política con propostas, iniciativas e preguntas fiscalizadoras ao goberno local.

Un dos momentos máis tensos do Pleno foi o debate da moción na que o BNG instaba á eliminación no 2020 da simboloxía falanxista e franquista de fontes, lavadoiros e outros bens públicos e mesmo mencións conmemorativas de exaltación da sublevación militar, da guerra civil ou da represión da ditadura. Ernesto Filgueira, nunha intervención firme e razoada, expresou “o desexo de ver liberada á sociedade local da fonda ferida que pertence a tempos pasados de moita dor e crebas familiares que ben merece ser pechada con dignidade”. Filgueira fixo lectura dunha longa listaxe cos nomes dos represaliados e asasinados en Cerdedo e Cotobade na procura de acadar un firme recoñecemento en positivo por parte do conxunto da corporación. Asemade, apuntou que “os familiares dos perseguidos e represaliados políticos merecen xustiza, reparación da súa memoria e democracia. E a democracia só será tal se hai determinación por facer cumplir a Lei de Memoria Histórica neste ano 20”. Ademáis, esta moción recollía a creación dunha Comisión de Seguimento co nome de ELISIMFRA 2020 que se encargaría de xestionar o proceso de catalogación e eliminación dos bens e recursos afectados baixo a supervisión de concelleir@s e persoas/asociacións de amplo recoñecemento social nesta materia como Capitán Gosende ou o Colectivo Portalén.

Ernesto Filgueira emocionouse logo de ver que a proposta para erradicar o franquismo no concello resultou rexeitada polos votos en contra do PP, non sen antes terse producido un acalorado debate sobre as cuestións legais recollidas nunha enmenda coa que Jorge Cubela pretendía substituir o texto presentado polo BNG. Ernesto Filgueira explicou que “o foco do debate non era a cuestión legal, pois son os técnicos e os xuristas os encargados de facer valer a lei, senón de abrir unha vía política que puxera punto e final ao franquismo aínda moi presente no concello ao longo deste ano”.

Filgueira tamén manifestou que “sería bo que o PP e sobre todo o sr Cubela, que se considera un galeguista convencido, deran boa proba de querer afastarse da negra e escura etapa franquista apoiando esta iniciativa para abrir un tempo novo en Cerdedo e Cotobade con máis respecto histórico, máis memoria e máis democracia. Non foi posible”.