O BNG ateiga o Centro Cultural de Tenorio na presentación pública da candidatura que lidera Ernesto Filgueira 

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

Cerdedo-Cotobade, 23 de marzo, 2023.- Á tardiña do pasado sábado 15 de abril tivo lugar a presentación pública das mulleres e dos homes que concorren polo BNG, xunto a Ernesto Filgueira, ás eleccións municipais do vindeiro 28 de maio. O acto, que ateigou o Centro Cultural de Tenorio, comezou coa entrada por sorpresa do grupo Marmurios de Leucoiña interpretando unhas pezas do mestre de Viascón, Ricardo Portela, arrincando o aplauso da veciñanza presente e sorprendendo a Ernesto Filgueira quen, moi emocionado, explicou que “son amigos íntimos que teño a sorte de ter ao meu carón”.

A presentación estivo a cargo de Carmen Fontenla, veciña de Cerdedo e traballadora da sanidade pública, quen fixo a presentación das primeiras oradoras. 

Así, Lucía Aguete, veciña de Viascón, destacou “a importancia de contar cos servizos necesarios para facer unha vida plena no rural e poñer ás veciñas e aos veciños no centro da acción municipal”.

A continuación, Sandra Fentanes, de Valongo, dixo que “como transportista profesional urxe pór en marcha unha axenda feminista que garanta os dereitos da muller no mundo laboral, especialmente naqueles ámbitos onde aínda son os homes maioría”.

Rematou Margarita del Rocío Graña, veciña de Tenorio, aludindo “á precaria situación que se vive nos centros de saúde do concello e reclamou da Xunta máis profesionais sanitarios como matronas, pediatras e o dereito da veciñanza a contar con atención médica todos os días da semana”.

A presentación da candidatura estivo arroupada polo parlamentario Luís Bará que, como deputado de zona, destacou “o inmenso traballo feito polo grupo nacionalista local en contra do modelo eólico da Xunta que pretende facer de Cerdedo-Cotobade e da bisbarra un mega-polígono eólico ao servizo das grandes enerxéticas e das portas xiratorias do PP, en contra dos intereses das veciñas e dos veciños e do seu dereito a vivir nun rural libre de eólicos”. Ademáis, falou da “enorme calidade humana que caracteriza a Ernesto Filgueira e da súa notable capacidade de liderado e disposición para o traballo constante”. 

Ernesto Filgueira foi o encargado de presentar “un proxecto pensado para darlle esperanza aos nosos produtores e pequenos empresarios, un futuro á nosa xunventude e tranquilidade aos nosos maiores” nun discurso no que non faltaron as “propostas necesarias para levar a Cerdedo-Cotobade ao século XXI cunha estratexia de conxunto ben planificada”. Filgueira criticou as múltiples promesas incumpridas do alcalde, como a de “levar a fibra óptica a todos os lugares das parroquias, a de crear solo empresarial, a de conseguir un mapa das emerxencias que nos garanta a atención nun tempo razonábel, ou a de evitar a perda de servizos bancarios”. Tamén lle achacou que contemos en pleno século XXI “cunha obsoleta e deficiente rede de saneamento”, e non se lle queira pór remedio. Coidar o medio natural é tamén contar cunha moderna e eficiente rede de saneamento. Acusou tamén Filgueira ao alcalde de incumprir sistematicamente os acordos plenarios para retirar a simboloxía franquista do espazo público, “unha verdadeira vergonza e unha ofensa ás persoas vítimas da represión no noso concello”. Filgueira contrapuxo o desleixo do PP, ao proxecto vertebrador que presenta o BNG. Neste sentido, salientou a importancia de pór en marcha plans turísticos que poñan en valor os recursos e xeren riqueza nas parroquias, incentivar un modelo enerxético de autoconsumo, vertebrar social e culturalmente as parroquias, modernizar as instalacións deportivas, apostar por un modelo forestal vivo, máis sostible e diversificado; e facer do tecido asociativo e social a columna vertebral da actividade municipal, entre outras medidas.

O candidato nacionalista rematou a súa intervención mostrándose convencido de que o BNG é a día de hoxe a forza política de referencia para a xente que lle quere a Cerdede-Cotobade e quere que o concello teña futuro. “Animovos a seguir traballando arreo, con humildade, con ilusión e con optimismo, para mellorar as cousas. Porque sabedes, coma min, que Cerdedo Cotobade merece moito máis e que outro Cerdedo-Cotobade é posíbel, e comezará a andar a partir do 28 de maio”.

Carmen Fontenla, a conductora do acto, foi a encargada de pechar o acto presentando á candidatura que acompaña a Ernesto Filgueira: Margarita del Rocío Graña (Tenorio), Anxo Santomé (Viascón), Alberto Cadavid (Cerdedo), Lucía Aguete (Viascón), Víctor Rivas (Carballedo), Sandra Fentanes (Valongo), Joám Romero (Viascón), Gloria Malvar (Loureiro), Antón Mouriz (Borela), Mucha Moa (Quireza), Xoan Antelo (Cerdedo), Iria Riveiro (Corredoira), Xosé Riveiro (Corredoira), Monse Fenández (Fondós), Carlos Gómez (Calvelo), Rosa Garrido (Chamadoira), Lino Moreira (Almofrei), Nuria González (Tenorio), Delmiro Durán (Aguasantas), e Ana Moa Bouzas (Tomonde), Alberto Nogueira (Valongo) e Sindo Penelas (Rebordelo).